viernes, 18 de junio de 2010

DeSPeDinDo o CuRSo

Vai acercándose o fin de curso 2009/2010, e tamén imos comprobando que os obxectivos que nos propuxemos acadar ao comezo, fóronse cumprindo folgadamente.
Mergullámonos no camiño de Santiago, tan noso e tan universal. O noso conto de aventuras, levounos a percorrer no papel, lugares máxicos e cheos de cultura, historias que os nosos alumnos e alumnas, coa axuda do profesorado, inventaron, escribiron e debuxaron.
Limos o Camiño, cantamos o Camiño, escribimos o Camiño, e sentímolo e pateámolo con peregrinos de países e falas lonxanas, na maravillosa excursión de fin de curso, que nos fixo soñar e coñecer de xeito real, un anaco deste Camiño da nosa terra, coas súas lendas, historias, milagres, mosteiros e igrexas románicas. Cultura e cultura da que, a miúdo, estamos tan ausentes e tan necesitados.
Asombrounos O Cebreiro, abraiounos Samos, engaioláronnos Sarria e Portomarín cos seus monumentos e ambiente peregrino. Agarimounos a paisaxe toda verde, coma unha alfombra abríndose ao noso paso. Adozamos na fábrica de tartas de Santiago, con tanta amabilidade e xenerosidade. Estabamos agotados, pero moi felices.
O Día das Letra Galegas, trouxomos a lírica de Uxío Novoneira, profunda e courelá. Con ela sentimos chover e nevar, o vento e os lóstregos nos tesos cumes, o canto do cuco, o ouleo do lobo, a historia de amor de Ildara. E todo dentro da nosa biblioteca, onde tamén aturuxamos e oulamos. Uxío fíxonos vibrar.
O alumnado de 5º e 6º, disfrutaron dous días de deporte e natureza; os de E. Infantil conviviron e xogaron cos pequenos das escolas dos arredores. Deporte, cultura, educación, coñecementos; que ingredientes únicos para elaborar o xantar da vida!
Xantar que ofrecemos todos os días aos nosos alumnos e alumnas, con dobre ración para os de 6º que se nos van ao instituto, e aos que dexesamos moitas ganas de estudar, aprender e saber. Unha aperta moi forte de todo o profesorado para eles, elas cun ata sempre.
Feliz verán. En setembro empezaremos outra vez a aventura.

No hay comentarios: